Día: Mércores 27 de Setembro 11:00
Ubicación: New Videodrome – Sala Apo’strophe.Arte – Plaza Elíptica.
Entrada libre, aforo limitado.
En 1999 estreouse The Blair Witch Project e o cinema de terror xa non volveu ser o mesmo. A partir de entón, toda unha serie de novos talentos utilizaron o found footage para abrirse camiño na industria: Matt Reeves a través de Monstruoso ou Oren Peli coa saga Paranormal Activity deron os seus primeiros pasos no xénero para converterse en directores de éxito.
“Grábalo todo: Historia del found footage”, de Andrés R. Paredes, repasa cales foron as orixes deste estilo (o cinema de caníbales, as falsas snuff movies) e analiza tanto películas e franquías que xa pasaron á historia como outras máis descoñecidas polo gran público, ademais de identificar os novos talentos que xurdiron nos últimos anos e que manteñen vivo o subxénero. Este libro inclúe entrevistas a Nacho Vigalondo e Sarah Appleton.
Nesta edición teremos o pracer de contar con Andrés R. Paredes para que presente o seu novo libro durante o GFFF. Un encontro no que o público poderá descubrir este subxénero que se fixo tan popular a partir do 2000 grazas a filmes de xénero de terror. R. Paredes fará un minucioso repaso histórico deste subxénero e analizará cal é o futuro que lle pode agardar a este tipo de cinema.
Andrés R. Paredes (Vigo) é crítico cinematográfico e escritor. “Grábalo todo” é o seu terceiro libro de divulgación cinematográfica. Precédeo, Yo soy Norman Bates: Todo sobre la saga Psicosis e Devoto del hombre. El demonio en el cine estadounidense (1968-2013).