Día: Venres 29 de Setembro 12:30
Ubicación: New Videodrome – Sala Apo’strophe.Arte – Plaza Elíptica.
Entrada libre, aforo limitado.

Moderada por Uxío Couto e en compañía de profesionais do mundo da dobraxe e da tradución falaremos dos animes máis emblemáticos que pasaron pola TVG, de como estes supuxeron unha ponte entre a nosa lingua e varias xeracións de cativos, e do traballo de todo o grupo de profesionais que configuran este sector.

O noso amigo Uxío Couto, actor de dobraxe, revisor de textos e técnico de subtitulado compartirá esta mesa cadrada con:

Antón Rubal

Veterano director de dobraxe, levou a batuta das versións en galego de filmes como Apocalypse Now, Pulp Fiction ou Non é un país para vellos, e de series como A nanny, O príncipe de Bel-Air ou Garfield e mailos seus amigos. Tamén traballa habitualmente como actor, sendo voz habitual de actores como Ben Affleck, Daniel Craig ou Hugh Jackman. No ámbito da animación xaponesa dirixiu as versións en galego de Heidi, Marco ou Sakura, cazadora de cartas, ademais de interpretar personaxes como Senbei Norimaki (O doutor Slump e Arale) ou Son Goku (Dragon Ball Z Kai).

Montse Davila

Unha actriz de dobraxe e locutora que conseguiu que estrelas internacionais como Jessica Biel, Reese Witherspoon ou Renée Zellweger, das que é voz habitual, falasen na nosa lingua. Recentemente protagonizou a versión en galego de O Señor dos Aneis: Os aneis de poder co papel de Galadriel. No campo da animación xaponesa esta profesional botou horas prestándolle talento e voz a personaxes tan destacadas como Bunny (Sailor Moon), Nami (One Piece) ou Nene (Shin-chan).

Miguel Vijande

Un profesional cun currículo moi extenso como tradutor, en especialidades tan diversas como poden ser a audiovisual ou a empresarial. Por poñer algún exemplo, trouxo ao galego guións de películas como As normas da casa da sidra ou de series como Voltron, o defensor do universo. No eido da animación xaponesa participou na tradución de títulos tan importantes como As bólas máxicas ou Dragón Z, serie na que mesmo chegou a participar como actor de dobraxe, dándolle voz galega a un carismático antagonista: o androide C-17.