Un ano máis, o GFFF reúne a un grupo de expertos do audiovisual freak. A súa misión: repartir os catro galardóns do erudito xurado. Unha tarefa honrosa mais nada doada.
Javier S. Donate
aka. Máster Terror
Un suceso marcou a súa infancia, cando lle aterrorizou unha pelicula de ciencia ficción e terror que acababa cunha apocalipse. Nos anos seguintes convertiuse nun mestre de escapulirse do control paterno para ver todas as películas de terror en televisión- a ver se era quen de atopar aquela que lle dera tanto medo – E cando chegou a epoca do videoclube aquilo xa foi unha orxía de horror! Por iso está aquí, porque o terror obsesiónalle e, por iso, escribe nas páxinas de TerrorWeekend.com e n’A Abadia de Berzano.
Ah, por certo que ao final descubriu que película marcou a súa infancia: Quatermass and the Pit de Roy Ward Baker, a terceira película do Doutor Quatermass… Menos mal que non quedou obsesionado con Sorrisos e lagrimas porque tería que facerse monxa ou algo peor!
Khris Cembe
aka. Mr. Tumba
Animador, director e guionista autodidacta. Membro da Academia Española das Artes e das Ciencias Cinematográficas. Comezou a súa carreira na famosa webserie Cálico Electrónico. Traballou na premiada curtametraxe Birdboy, gañadora do Goya 2012 e foi director de animación da longametraxe Psiconautas, os nenos esquecidos e da curtametraxe Decorado, ambas premiadas en festivais de todo o mundo, acadando o recoñecemento da crítica e premios, entre eles o Goya 2017.
Coa curtametraxe Viaje a pies, estreada na selección oficial do Festival Internacional de animación de Annecy 2015, debutou como director e guionista. A súa segunda multipremiada curtametraxe, Soy una tumba, estreouse na selección oficial do prestixioso Festival Internacional de Clermont-Ferrand. Foi nominada a un premio Goya e conseguiu o Mestre Mateo.
Dirixiu e deseñou a animación de Homeless Home, a primeira curtametraxe española que recibiu o Premio do Xurado no festival de Annecy. Foi axudante de dirección da aclamada última película de Alberto Vázquez, Unicorn Wars, na que tamén dirixiu e deseñou a animación, fixo storyboard e deseñou personaxes para o filme.
Actualmente está escribindo Matanza, a súa primeira longametraxe.
Marina Anna Eich-Rosales
aka. Lady Marilu
Nada en 1976 en Garmisch-Partenkirchen, Alemaña, Marina sempre tivo unha gran paixón polas viaxes, os idiomas e a comunicación. Tras o instituto estudou español, inglés e francés en países como Ecuador, Canadá e Francia. Ademáis domina o árabe.
Tamén estudou danza na Academia de Ballet da Ópera de Leipzig e na Universidade de Música e Artes Escénicas de Frankfurt. Desde 1994 participou en varias producións de cinema e televisión como actriz e bailarina, entre outros fixo de Eva Braun na longametraxe documental Hitler para a televisión xaponesa.
De 2000 a 2022 traballou con wtp international filme company, Alemaña, como produtora, actriz e responsable de relacións públicas e vendas e foi responsable das relacións públicas do Five Lakes Film Festival entre 2009 e 2010.
Desde 2007, Marina foi xurado en festivais de cinema como Sitges, Fantasporto ou o BIFFF e desde 2022 forma parte do equipo de organización do Festival de Cinema de CURTAS Festival do Imaxinario de Vilagarcia de Arousa.
En 2023 fundou a súa propia distribuidora MARILU PICTURES que distribue filmes de todo o mundo en España e Alemaña.