Día: Venres 22 de Setembro 19:30
Ubicación: Auditorio Municipal do Concello de Vigo

Videodrome é unha obra mestra do cinema de terror. Un filme que combina o terror, a ciencia ficción e as profecías. Unha exploración da condición humana (e inhumana) a través da mutación e mutilación do corpo e da intersección entre a tecnoloxía, o entretemento e a política.

Sen dúbida, é unha obra que debe ser vista catro décadas despois do seu lanzamento. Por iso será o filme inaugural do Galician Freaky Film Festival #7 2023. O filme que dá nome á nosa sala de cinema, ou de exposicións, ou a un todo intanxible que sempre será parte do GFFF. Un lugar que muta en si mesmo e aos que entran nel.

VIDEODROME

Dir.: David Cronenberg
1983 / Canadá / 88′

A película está ambientada en Toronto e segue a Max Renn, o presidente dunha pequena estación de televisión por cable, mentres busca novo contido para emitir. Finalmente, descobre un programa inquietante chamado “Videodrome”, que presenta violencia gráfica e tortura. A medida que se vai obsesionando co programa, Max comeza a experimentar alucinacións e mutacións físicas.

Efectos especiais!

A película está chea de representacións increíblemente realistas de mutacións e mutilacións da carne, o que a fai un filme gloriosamente gore de horror corporal.

Efectos especiáis de primeira calidade que o mantiveron fresco durante estas catro décadas e dos que falará o noso experto en FX, Spencer, no Coloquio posterior co público, no que teremos unha visión máis profunda de como se fixeron.